Saturday 04 de May de 2024

Inés Rey: “Eventos como o Atlantic Pride converten a Coruña nunha urbe atlántica de referencia cultural e exemplo de tolerancia e inclusividade”


A alcaldesa presentou o festival, que volve con grandes actuacións despois da adaptación a pequeno formato na pasada edición por mor da COVID

O Atlantic Pride, que se levará a cabo do 3 ao 10 de xullo, contará con grandes artistas como Ladilla Rusa, Samantha Hudson ou La Zowi entre outros

A Alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a presentación do Atlantic Pride, Festival do Orgullo LGTBI referente no norte de España promovido pola asociación LGBT ORCO, en colaboración co Concello da Coruña. Este acontecemento celebrarase entre os días 3 e 10 de xullo e contará coa presenza de destacados artistas do panorama nacional e galego.

O cartel do festival estará encabezado por Ladilla Rusa, Samantha Hudson, Javiera Mena e Putochinomaricón. A listaxe de actuacións complétana La Zowi, Natalia, OBK, Marta Sango, Rocío Sáiz, Romero Martín, Rebeca, Killer Queen e Pupi Poisson. Ademais, o Atlantic Pride contará coas actuacións dos galegos Ortiga, Grande Amore e Berto, referentes no panorama nacional e que colaboran na difusión da cultura musical galega.

“Co noso apoio a este festival amosamos tamén o noso compromiso coa cultura”, sinalou a alcaldesa Inés Rey, que destacou non só a importancia de que se realicen grandes eventos culturais senón tamén que estes teñan un amplo fondo social. “O orgullo é xa parte da identificación de Coruña como cidade, e todos os coruñeses e coruñesas poderemos celebrar e gozar da nosa identidade sendo referencia das celebracións da diversidade para o resto de Galicia”, engadiu a rexedora.

O Atlantic Pride celebrarase ao aire libre e terá como escenario principal os emblemáticos Xardíns de Méndez Núñez, que acollerán a meirande parte de actuacións do programa. O Festival inaugúrase o 3 de xullo na Fundación Luis Seoane, cunha festa temática da “Feira de Abril” na que actuará a artista flamenca Soleá Morente e os DJ’s Flashback e Licho. A Praza de Pontevedra tamén será escenario dalgunhas das actividades programadas, como as actuacións de Berto e DJ Gorllitox o 5 de xullo, e Romero Martín e Cayazzo DJ o día 6.

Deste xeito, A Coruña converterase nun espazo aberto á diversidade, convidando a todos os coruñeses e coruñesas a sumarse á celebración da diversidade.

Con este festival, A Coruña continúa escalando no obxectivo de converterse na cidade de referencia para grandes eventos. O Atlantic Pride, coñecido como “O orgullo do norte”, súmase ao xa presentado Morriña Fest, que traerá á cidade artistas da talla de Maluma, Black Eyed Peas, Ozuna ou Franz Ferdinand, recuperando Riazor como espazo de concertos despois de 29 anos. “O Atlantic Pride é unha grande oportunidade para que A Coruña continúe a consolidarse como polo de atracción turística, pois tanto a cidadanía como a hostalaría están preparadas e abertas para acoller a todos os cidadáns que escollan a nosa cidade como destino”, sinalou Inés Rey.